Ana María Fernández del Riego, sempre con nós
Ana María faleceu este mércores 5 de xullo en Granada. Dende a nosa comunidade educativa queremos acompañar cun profundo afecto á súa familia e tamén a toda a Congregación das Fillas de Xesús, da que formaba parte.
Naceu no ano 1921 en Vilanova de Lourenzá, provincia de Lugo, como o seu irmán Francisco. Como relixiosa, destacou por ter unha vida moi activa que a levou ás misións en China, Filipinas e Taiwan a mediados do século pasado. No colexio exerceu durante moitos anos como profesora de inglés e bibliotecaria. Moitas xeracións de alumnos e alumnas lembran a Ana María como unha docente entrañable que chegaba ó corazón das persoas coa súa vitalidade e sentido do humor.
Ela mesma definíase como «galegueira» pero non galeguista, porque o seu amor por Galicia ía máis aló da vertente política que, en cambio, si transitou o seu irmán Francisco Fernández del Riego, Don Paco. Resultou unha gran satisfacción para Ana María que en 2023 o Día das Letras Galegas fose adicado a el. Así nolo contou, con gran emoción, no documental «Don Paco, un dos nosos» que realizaron profesores e alumnos do centro hai apenas dous meses. Podemos desfrutar das súas palabras e mirada leda pinchando aquí.
Ana María foi unha gran amante das linguas e chegou a publicar dúas obras literarias. A última foi o poemario «Con los pies en el suelo» que presentamos este mesmo curso no colexio coa súa participación telemática. Sen dúbida, o vínculo e sentimento que temos con ela permanecerá por sempre e, non en balde, o nome da nosa biblioteca é na súa honra: «Biblioteca Ana María Fernández del Riego».
O seu funeral celebrarase o martes 18 de xullo ás 13:00 horas na Igrexa dos Apóstolos (Xesuítas), na rúa Marqués de Valladares, cruce con Velázquez Moreno. Rogamos unha oración por ela. Sempre con nós, Ana María.